Formas ancestrais de ocupar o territorio

Unha paisaxe de milleiros de minúsculos predios xerados por fórmulas ancestrais de propiedade e xestión da terra, adaptados a un abrupto territorio.

É a auga a que en moitos casos delimita as parroquias, unidades identitarias no espazo rural. Os ríos, pois, unen e separan. Numerosas aldeas constrúen a súa casaría na bocarribeira, onde comezan as pendentes, e os socalcos descenden ao abismo.

Un dos trazos máis significativos é o minifundismo parcelario extremo, que deixa a súa pegadas na paisaxe. Un parcelario definido por fórmulas tradicionais de propiedade e de aproveitamento da terra como a cavadura, medida tradicional de superficie e de traballo: o terreo que pode labrar unha persoa nun día para o seu sustento.

Todas perduran nesta paisaxe épica, articulada pola cultura da auga.