Obra épica de colonización humana

A pervivencia dos sistemas tradicionais de cultivo nas vertentes escarpadas dos canóns fluviais sustentada en técnicas milenarias.

Socalcos, sucalcos, muras, paredes, muros, paredós, calzadas, son todos eles nomes que reciben as terrazas de cultivo, un trazo característico e singular da Ribeira Sacra e, sobre todo, un enxeño da alta eficiencia hídrica e edáfica.

Os socalcos, o espectacular abancalamento do cultivo agrícola en pendentes extremadamente abruptas, son unha obra épica de colonización humana.

Esta é unha terra que desde a Idade Media se especializa en viticultura, sen obviar a importancia doutros cultivos como a castaña ou a cereixa. A natureza singular, a pegada monástica e as comunidades campesiñas construíron esta paisaxe, viva e funcional ata o presente.