A unión dos ríos Miño e Sil e de centos de fíos de auga conforma un territorio de altos canóns e vales fluviais profundos, por onde a auga discorre entre abruptas pendentes.
A franxa de terreo que desde o altiplano se asoma ás escarpadas vertentes é coñecida como bocarribeira. As bocarribeiras do Miño e do Sil na Ribeira Sacra son asento de numerosas aldeas que outean o fondo do val.
A pesar da aparente naturalidade e illamento, trátase dun espazo fluvial intensa e longamente intervido, onde cada metro de terra dispoñible foi adaptado ás necesidades da vida humana. A natureza, o xénero humano, as súas crenzas, anhelos e sentido de supervivencia crearon nestes paraxes unha das sinfonías máis fermosas a partir da auga.